Carme Pampín Casal (O Pino, 1971), doutora en Ciencias Químicas pola USC, é a presidenta do Clúster das Ciencias da Vida de Galicia (Bioga), un sector puxante na comunidade.

—Cal é a radiografía da biotecnoloxía en Galicia?

—O sector biotecnolóxico en Galicia está nun momento moi interesante e con moito potencial. É un sector moi novo, con relativamente pouco percorrido, pero que xa empeza a ter indicadores interesantes. Por exemplo, a facturación está en torno aos 1.200 millóns de euros, temos identificadas case 160 empresas que realizan biotecnoloxía, e xera emprego para 5.500 persoas: 3.500 no ámbito empresarial e outras 2.000 en entidades públicas e centros de coñecemento, tamén moi importantes. Esa é outra das razóns polas que Galicia é punteira neste sector, pola ciencia e o coñecemento xerado. É un sector moi intensivo en I+D, con en torno a 114 millóns de euros, máis do 16 % do total galego, e tamén moi intensivo en talento: boa porcentaxe do emprego é altamente cualificado (titulados universitarios e moitos doutores e doutoras).

—Galicia é a segunda comunidade máis bioemprendedora de España.

—E durante varios anos, segundo o informe de Asebio (a patronal nacional). Cada ano estamos creando en torno a dez novas iniciativas empresariais, que para unha rexión como Galicia é unha cifra considerable. Falamos de iniciativas de alto impacto, baseadas moitas en proxectos científico-tecnolóxicos que requiren un financiamento importante, nunha comunidade onde non existe un tecido industrial de base no que se soporte este sector, senón que o estamos facendo de cero. Por iso ser a segunda máis bioemprendedora é un dato moi relevante. Temos un crecemento dun 10 % anual.

—Cal é o segredo desa puxanza?

—Varios factores. Por un lado moitos destes proxectos parten da ciencia que se fai en Galicia, nas universidades, centros tecnolóxicos, fundacións hospitalarias… faise boa ciencia. E súmase o espírito emprendedor. Levamos uns 20 anos promovendo o emprendemento universitario, e iso está dando agora os seus froitos, con empresas consolidadas que partiron de proxectos universitarios, e que mesmo dan lugar a outras empresas. Ademais, dende a creación do clúster aglutinamos a todos os axentes que forman parte do ecosistema, e tamén é relevante ter acadado a colaboración público-privada, o apoio da administración: a Xunta aprobou unha estratexia de impulso á biotecnoloxía (2016-2020), e agora estamos coa de consolidación (2021-2025).

—Tres biotecnolóxicas compostelás veñen de acadar fondos Neotec. O traballo vai en boa liña?

—Por suposto. Demostra a alta calidade do traballo que se fai en Galicia, e que cando saímos a nivel nacional e internacional os proxectos compiten cos de outras rexións mellor posicionadas. A base e calidade do traballo está aí, e por iso conseguen ese financiamento, e tamén outros proxectos a nivel europeo.

—As tres lideradas por mulleres. É un sector de especial presenza feminina?

—É un sector onde non hai un sesgo de xénero. O importante é o talento, o que cada persoa pode aportar ao proxecto. Moitas empresas somos pemes cun alto compoñente científico, que debemos traballar máis a parte empresarial que non traemos de serie, e cunha traxectoria curta. Iso para algunhas cousas está ben, porque nos permite crear as empresas cun enfoque distinto aos estereotipos fixados para outros sectores máis tradicionais: destacamos por ter moitas mulleres liderando proxectos, e moitos doutores e doutoras implicados neles.

—Onde atopan os clientes as biotecnolóxicas galegas?

—A nivel internacional, de aí a participación en feiras en Europa e Estados Unidos que xestionamos dende o clúster. É moi importante para ser capaces de vender os nosos produtos e servizos.

—Como lles afecta a crise?

—É un sector que non vai ao mesmo ritmo que outros. Vese afectado pola crise pero non coa mesma rapidez nin coa mesma intensidade, porque trabállase con proxectos sostibles, a longo prazo. Certo que é un sector que depende moito do financiamento, e ese é un dos puntos nos que queremos mellorar. En Bioga celebramos xa dez edicións da Lonxa de inversores, onde se contacta con inversores especializados de ámbito nacional, e algún internacional, públicos e privados, e se lles presentan os proxectos que buscan financiamento en Galicia. O feito de que cada ano haxa máis que queiran asistir indica que atopan iniciativas interesantes e que teñen o foco posto en Galicia. Hai 15 anos, non existía: tiñas que coller un avión e ir a Madrid ou a Barcelona.

—Dúas firmas teñen todo a punto para traballar na Sionlla. Que supón o biopolo?

—Eu espero que supoña un antes e un despois. Para unha comunidade que cada ano xera dez novas iniciativas empresariais, moitas con necesidade de instalacións especiais como laboratorios ou infraestruturas que non sempre son fáciles de atopar en Galicia, o biopolo vén dar resposta a isto: a axudar a que as empresas cando nacen non teñan que estar preocupándose máis do espazo que do core do negocio, que é no que se teñen que centrar. É un proxecto que levamos moitos años soñando que se faga realidade, e penso que pode marcar un antes e un despois non só para axudar a esas empresas que nacen, senón que pretende ser ademais un centro de networking onde tamén empresas grandes poidan ter alí a súa unidade de I+D, e que iso axude a crear vínculos e colaboracións que ao ter un espazo físico onde se unen facilitará ese tipo de sinerxías e colaboracións.

—As dúas primeiras instaladas van xusto nesa liña: unha spin-off galega e unha multinacional.

—Elas serán as que abran camiño, e ese é o espírito do biopolo. Isto xa está inventado: cando xeras espazos onde se xuntan empresas innovadoras que a priori non terían relación, de aí poden xurdir iniciativas e colaboracións moi interesantes.

«As instalacións de GalChimia en Touro foron un salto cualitativo»

Carme Pampín fundou con Jacobo Cruces GalChimia no 2001.

—Eran entón catro persoas. Cales son hoxe as súas cifras?

—Estamos en torno a 60 persoas, cuns 3,5 millóns de facturación.

—En que traballa a súa empresa?

—A nosa especialización é investigación química para proxectos de descubrimento de fármacos. Nós estamos nas fases iniciais deses descubrimentos: provemos aos nosos colaboradores e clientes de novas entidades químicas que poden ter actividade fronte a unha diana terapéutica concreta.

—Estrearon sede no 2021, no polígono de Touro. Que supuxo?

—Un salto cualitativo moi importante. Estabamos en instalacións antigas, dos anos 70, que non nos permitían crecer nin incorporar novo equipamento. Agora temos uns mil metros cadrados, xa ocupados, e unhas instalacións que responden á imaxe e calidade que queremos proxectar cara o mercado internacional ao que nos diriximos. Emprender non é sinxelo, e no rural, menos aínda. Os trámites administrativos terían que ser máis sinxelos e rápidos. Pero a nosa aposta por estar no rural é firme.

Para BIOGA, es una prioridad el fomento de la colaboración intersectorial con otros entidades y potenciar las actividades de networking nacionales e internacionales. Si quieres conocer más sobre nosotros, visita el siguiente enlace

Noticias relacionadas: