O terceiro dos seminario Biocaps neste 2013 terá lugar o 25 de outubro e versará sobre as estratexias aplicadas actualmente na investigación de materiais bioinspirados orientados á enxeñaría de tecidos e á medicina rexenerativa. A relevancia destas cuestións responde á necesidade de achegar solucións para a substitución, reparación e rexeneración de tecidos e órganos, aspectos directamente relacionados coa medicina do futuro e coa mellora da calidade de vida dos pacientes.
Os materiais bioinspirados ou biomiméticos son aqueles deseñados para tentar reproducir a microestrutura dos materiais naturais co obxectivo de emular as súas propiedades máis relevantes. Neste sentido, os expertos que participan no seminario desenvolven liñas de investigación que buscan promover a restauración da funcionalidade dun tecido vivo mediante o deseño de biomateriales avanzados e nanoestruturas bioinspiradas. No seminario, organizado polo catedrático de física aplicada Pío González-Fernández, participarán científicos recoñecidos internacionalmente como Aldo Boccaccini, da Universidade de Erlangen-Nuremberg (Alemaña), que presentará os últimos avances e desafíos sobre vidros bioactivos; e María Vallet, da Universidade Complutense de Madrid, que exporá as súas investigacións sobre cerámicas bioinspiradas para enxeñaría de tecidos. Tamén intervirán, entre outros, José Mariano Ruíz de Almodóvar, da Universidade de Granada, que afondará nas fibras de carbón activado como soporte do crecemento e a diferenciación de células mesenquimais (un tipo de células nai); e María Pau Xenebra, da Universitat Politècnica de Catalunya, que tratará o procesado biomimético de fosfatos de calcio para rexeneración ósea. Pola súa banda, o investigador de Biocaps Pío González centrará o seu relatorio nas cerámicas bioinspiradas de orixe mariña.
O seminario, que terá lugar na Escola de Enxeñería Industrial, é de carácter gratuíto, e a matrícula pode realizarse ata o 24 de outubro picando aquí e o programa completo do seminario está xa dispoñible para consulta na web de Biocaps.
Data: 25 de outubro de 2013
Lugar: Escola de Enxeñeiros Industriais, Campus Universitario Lagoas-Marcosende, Universidade de Vigo.
No Comments - be the first.