
A compañía, con seis meses de vida, xa comercializa IQ-Brain, un software que axuda a diagnosticar enfermidades neurolóxicas como Párkinson ou demencias
O Concurso da USC foi o xerme de firmas consolidadas como Nanogap, Galician Marine, Galchimia, AMSlab, Nanoinmunotech, Neoker, Geneaqua ou Deroceras
Santiago de Compostela. 16/06/2015. O xurado do XV Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores do Programa de Creación de Empresas da Universidade de Santiago de Compostela-Uniemprende, decidiu outorgar o Premio Empresa Xove a QubioTech, Health Intelligence. O acto de entrega dos premios tivo lugar hoxe 17 de xuño no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome (Praza do Obradoiro).
QubioTech, Health Intelligence
Qubiotech, Health Intelligence, integrada en Bioga (Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida), é unha compañía dedicada ao desenvolvemento de novas ferramentas tecno-informáticas de análise de imaxe e xestión da información asociada á mellora do diagnóstico, tratamento e seguimento médico. Qubiotech, Health Intelligence ofrece novas e innovadoras solucións de software ao mercado clínico, que se utiliza habitualmente en hospitais e centros especializados en imaxe médica. Ofrece ferramentas innovadoras que permiten mellorar a eficiencia e rigor da función clínica.
A compañía, con sede na Coruña e que se atopa nestes momentos en fase inicio da súa actividade, foi constituida en decembro de 2014 a partir da aportación dun grupo de investigación asociado ao servizo de Medicina Nuclear do Hospital Clínico Universitario de Santiago.
Entre os socios da compañía, encóntrase a Fundación Ramón Domínguez (a Fundación Biomédica de maior relevancia en Galicia, responsable da xestión de resultados de investigación do Hospital Clínico Universitario de Santiago e xestora do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela – IDIS, acreditado polo Instituto de Saúde Carlos III) e os investigadores Pablo Aguiar e Jesús Silva, que desenvolveron o IQ-Brain, o primeiro producto da compañía. O IQ-Brain é un software de imaxe multimodal que permite unha análise cuantitativa e estatística da información obtida integrando os resultados de PET cerebral (Metabolismo Cerebral) e os de MRI (Información Anatómica do Tecido Neuronal).
O obxectivo é achegar un diagnóstico dalgunhas enfermidades neurolóxicas como demencias difíciles de diagnosticar, Parkinson ou a identificación das zonas a intervir cirurxicamente en pacientes con epilepsia refractaria ao tratamento farmacolóxico, resultados que constitúen unha ferramenta complementaria de gran valor engadido para o diagnóstico e seguimento clínico.
Máis información:
XV Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC
A Universidade de Santiago de Compostela, a través do seu programa de creación de empresas Uniemprende, organiza o Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores co fin de premiar a emprendedores/as que presenten proxectos empresariais novedosos. Prentende impulsar a creación de empresas innovadoras promovidas por estudantes, licenciados/as ou investigadores/as, así como a innovación empresarial e a xeración de emprego.
Ao longo das súas XV edicións, o Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores foi o xerme de empresas hoxe consolidados como Nanogap, Galician Marine Aquaculture, Galchimia, AMSlab, Nanoinmunotech, Neoker, Geneaqua ou Deroceras, entre outros.
Máis información:
- http://www.uniemprende.es/
- Bases do XV Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores http://www.uniemprende.es/sites/default/files/ConcursoProyectos/bases_xv_concurso_proxectos.pdf
- Gabinete de Prensa de Bioga (Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida): 679.486.961Ler nota de prensa orixinal
No Comments - be the first.