O  pasado 30 de marzo de 2022, ocentro culturaldo Porriño acolleu o acto de celebración do 70 aniversario do Almanaque Agrícola ZZ, organizado polo Foro Enrique Peinador en colaboración coa Xunta de Galicia, o Concello e a multinacional farmacéutica Syngenta, que tomou o relevo do grupo Zeltia Agraria na produción deste calendario desde o 2001.

 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e o alcalde, Alejandro Lorenzo, participaron do acto que comnemora a edición da primeira publicación comercial distribuída en lingua galega e leva divulgándose de forma ininterrompida, desde que a desaparecida Zeltia Agraria a lanzara en 1952.

O éxito do almanaque, que se foi renovando ao longo dos anos mantendo sempre a súa peculiar estética, radica nos seus contidos útiles para os agricultores galegos, como os ciclos da lúa para a as sementeiras; os produtos recomendados polos laboratorios para combateren as pragas do campo ou as enfermidades do gando ou a predición meteorolóxica, todo iso completado con contos breves e refráns do gusto popular.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade indicou que o almanaque «é unha mostra do éxito dos produtos promocionais e publicitarios en galego e, polo tanto, de que o galego sempre vendeu e continúa a vender hoxe en Galicia». O secretario xeral agradeceulle tanto a Zeltia Agraria como a Syngenta «a perspicacia e sensibilidade para comprendelo e manter ao longo do tempo este almanaque que é xa unha icona das sinerxías entre empresa, campo e cultura».

«O uso da lingua galega nas súas publicacións foi, sen dúbida, un dos factores que contribuíu positivamente no seu éxito e aproximou aínda máis á cidadanía a súa empresa», afirmou o alcalde, Alejandro Lorenzo«Laboratorios Zeltia, hoxe da man de Syngenta, representa un claro exemplo de galeguidade empresarial sinónimo de proximidade e éxito».

Por iso, o rexedor animou ás empresas do Porriño a «seguir os seus pasos e empregar ao galego como vehículo de expresión. Non só como sinal de identidade senón, tamén, como mellor medio para afianzar a súa relación de proximidade».

Canda Valentín García e Alejandro Lorenzo, participaron neste acto, enmarcado no Día da Galeguidade Empresarial, Xosé González Martínez, presidente do Foro Enrique Peinador; Marisa Castro, representante de BIOGA (Cluster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida), Carlos Varela, membro do Foro Enrique Peinador, e Paulo Machado, representante de Syngenta.