O acordo presentouse este xoves na Facultade de Ciencias, centro que promoveu a iniciativa aberta a toda a USC
O estudantado de todas as titulacións oficiais de grao e mestrado da USC poderá realizar prácticas académicas externas curriculares e extracurriculares nas instalacións das empresas, institucións, entidades e organismos asociados a Bioga, o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia.
Esta oferta aberta ao estudantado dos dous campus presentouse este xoves na Facultade de Ciencias de Lugo, centro promotor da iniciativa, nun acto no que participaron o adxunto para o Campus de Lugo, Antonio Álvarez Rodríguez, e o presidente de Bioga, José Manuel López Vilariño. En representación do centro estivo tamén a decana da Facultade de Ciencias, Asteria Luzardo.
As prácticas, reguladas nun convenio dunha vixencia de catro anos prorrogables, poderán ser curriculares, contempladas nos plans de estudo; conducentes á elaboración dos Traballos Fin de Grao e/ou Traballos Fin de Mestrado; ou extracurriculares ou complementarias.
Poderá participar nelas o estudantado que estea matriculado na titulación á que se vinculan e que non manteña ningunha relación contractual coa empresa. Ademais, no caso das prácticas curriculares, non debe ter superados os créditos vinculados a elas e non ter realizado o depósito do título; e nas extracurriculares tampouco ter cuberto o máximo de créditos desas prácticas e non as ter realizado na mesma entidade en convocatorias precedentes, agás que a actividade que vai desenvolver sexa nun programa, unidade ou dispositivo diferente, nunha unidade ou dispositivo diferente ou non superase o límite máximo de horas nesa empresa. Tampouco poden ter realizado o depósito do título.
Durante o período de prácticas, o estudantado deberá desenvolver o proxecto formativo e elaborar unha memoria final. Ademais, un ou unha docente da titulación actuará con funcións de titorización.
Polo de agora, nunha listaxe aberta a futuras adhesións, ofrecen prácticas as empresas KEYBIOLOGICAL, S.L., GalChimia, S.A., CHEMOSAPIENS, S.L., LEXAGRI SPAIN SL., GOLOSINAS MININOLAS SL., MEDRAR SMART SOLUTIONS SL., Fundación CETIM, CZVACCINES S.A.U., ZINEREO PHARMA S.L.U., PETIA S.A.U., ZENDAL HEALTH, S.A., BIOFABRI S.L.U., SORTCELL ANALYTICA SL, Akunatura de Ourense S.L, Syspro Automation S.L.U., Biostatech Advice Training & Innovation In Biostatistics S.L. e Lonza Biologics Porriño SL.
Este artículo fue extraído del portal de noticias de la Universidade de Santiago de Compostela (USC). Puedes leer la pieza completa en: https://www.usc.gal/gl/xornal/novas/estudantado-usc-podera-practicas-academicas-externas-entidades-asociadas-bioga
