A Xunta vén de publicar as bases específicas de apoio á internacionalización que contan con 9 millóns de euros. Estas axudas súmanse ás xa convocadas para a contratación de xestores de internacionalización e ás bolsas para formar especialistas en comercio exterior, dotadas de modo conxunto con máis de 3 millóns de euros. Ademais, o programa ReExport financia as exportacións das empresas galegas mediante a mobilización de 8 millóns de euros en préstamos.
As liñas de axuda que entraron en vigor o 3 de xullo mobilizarán, segundo a Xunta, 15 millóns de euros en tres eidos específicos de actuación. O primerio deles céntrase na organización de misións internacionais inversas, e está destinada a promocionar a colectivos de empresas galegas facilitando o seu contacto directo con potenciais clientes, aliados ou socios.
Para apoiar a prospección internacional en novos mercados do estranxeiro, previa á posible implantación comercial directa, o Igape apoiará mediante outra das liñas proxectos tanto de empresas como de organismos intermedios que impulsen accións de sondaxe no exterior para un colectivo de compañías.
Finalmente, a nova convocatoria do Plan Primex, para facilitar as primeiras implantacións comerciais de grupos de empresas galegas no estranxeiro, acapara o 90% da dotación e vai destinada a colectivos de polo menos tres empresas que se unen para compartir esforzos, custos e estratexias para lanzar os seus produtos ou servizos mediante a súa implantación en mercados exteriores.
A intensidade das axudas oscila, segundo os programas e os beneficiarios, entre o 45% e o 80% dos investimentos subvencionables. Como novidade deste ano, as axudas terán un plus do 5% cando os beneficiarios dos proxectos sexan clusters ou empresas asociadas a clusters. Así mesmo, e no contexto do reequilibrio territorial promovido pola Xunta, aqueles proxectos que conten con empresas ou organismos de zonas con plans especiais de dinamización –Lugo, Ourense, Ferrolterra e Costa da Morte- contarán tamén cun incremento do 5% na intensidade do apoio.
Complemento
Estas bases complementan ás liñas xa convocadas para a contratación de xestores de internacionalización e ás bolsas para formar especialistas en comercio exterior, dotadas de modo conxunto con máis de tres millóns de euros. Deste xeito, Economía e Industria destina máis de 12 millóns de euros en axudas directas para dinamizar as exportacións e para procurar que o número de empresas exportadoras, que medrou un 5% durante o primeiro trimestre deste ano, sexa cada vez maior.
[button text=’Ler noticia’ url=’http://www.emprendia.org/noticia.php?id_noticia=4952&id=59&lang=cas’ target=’_blank’]
No Comments - be the first.