
Mycokey Galicia, ferramenta para móbiles Android que xa está dispoñible de balde, é a primeira aplicación en galego para amantes da micoloxía que inclúe 400 especies e 800 esquemas que ilustran os pasos a seguir para a identificación.
MycoGalicia Plantae (www.mycogalicia.es), socia do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (www.bioga.org) e ‘EBT’ (Empresa de Base Tecnolóxica) da Universidade de Vigo (www.uvigo.gal), acaba de lanzar unha APP para identificar os cogomelos dos bosques e prados de Galicia. Mycokey Galicia, de fácil uso para usuarios non especializados, é a primeira APP en galego para identificar especies de fungos. O proxecto está a ser impulsado por MycoGalicia en colaboración co Grupo Micolóxico Galego (www.mykes.es).
MycoGalicia Plantae xa emprega a APP con alumnos dos obradoiros e cursos que organiza xunto ao Laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo, que coordina Marisa Castro. A aplicación móbil, que aínda está en fase de desenvolvemento, xa está dispoñible para todos os públicos de xeito gratuíto. Mycokey Galicia é unha aplicación, a primeira en lingua galega, para dispositivos Android coa que é posible identificar especies de cogomelos a través de caracteres macroscópicos. A APP identifica cogomelos baseándose no emprego dunha clave dicotómica que inclúe máis de 400 especies e uns 800 esquemas que ilustran os pasos a seguir na identificación, facendo fincapé nos caracteres morfolóxicos e ecolóxicos das diferentes especies. A ferramenta, que pronto estará dispoñible en castelán e portugués, simplifica e axiliza o proceso de identificación dos cogomelos sobre o terreo.
Mycokey Galicia contén os cogomelos e fungos máis representativos do noroeste peninsular. Os seus impulsores destacan que “a aplicación fai máis accesible o emprego das claves dicotómicas facilitando o seu uso por parte de usuarios non especializados”. Andrés Cordeiro, socio fundador de MycoGalicia Plantae, destaca a utilidade da nova ferramenta. E lembra que “unha boa parte dos afeccionados apañan cogomelos no monte de Galicia incentivados por naturalistas e persoas sen formación biolóxica e técnica axeitada e motivados polo uso gastronómico deste produto, esquecendo o resto das especies que teñen un importante papel ecolóxico na natureza”. Ao seu xuízo, esta situación fai que “nas identificacións de exemplares para consumo non se preste suficiente atención ás correctas pautas para a identificación”. Andrés Cordeiro, no eido da micoloxía en Galicia, entende que Mycokey Galicia é unha ferramenta “útil, necesaria e imprescindible” para quen vai apañar cogomelos nos bosques e prados galegos, “tanto coa finalidade gastronómica como para un mellor coñecemento do noso medio natural”. A ferramenta tamén axuda a coñecer a riqueza e a complexidade morfolóxica que posúen os cogomelos.
A diferencia doutras aplicacións dispoñibles no mercado, Mycokey Galicia non pretende ser un identificador só de especies comestibles, senón unha ferramenta formativa. “A identificación realízase en base a todos os caracteres que posúen os cogomelos e non só a través dunha bonita fotografía que pode estar mal tomada, presentar características alteradas ou non incluír os caracteres imprescindibles para a identificación, como o cheiro, o sabor ou o hábitat do fungo”, destaca Andrés Cordeiro.