
A biotecnoloxía está recollida como un sector estratéxico na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia RIS3 polo seu potencial como tecnoloxía facilitadora esencial, xogando un papel destacado no desenvolvemento doutros sectores fundamentais para Galicia como o agroalimentario, o mariño, o ambiental ou o sanitario. Por este motivo, a Xunta de Galicia puxo en marcha, en colaboración co sector, a Estratexia Galega de Impulso á Biotecnoloxía.
COLABORACIÓN GAIN – BIOGA
Co fin de realizar actuacións conxuntas que continúen dinamizando o sector biotecnolóxico empresarial galego e apoiando aos sectores produtivos de Galicia asinouse recentemente un acordo de colaboración entre Gain e Bioga para o periodo 2019-2020. Entre as actuacións que se financian atópanse accións de networking como os Bioalmorzos ou o Biospeed Dating, premios á traxectoria innovadora do tecido empresarial do sector, posicionamento do sector a nivel internacional e a elaboración da Estratexia do sector biotecnolóxico galego para o periodo 2021-2025.
BALANCE DA ESTRATEXIA GALEGA DE IMPULSO Á BIOTECNOLOXÍA
A Estratexia de impulso ao sector biotecnolóxico galego 2016-2020, está cerca de acadar o 95% de execución do total mobilizado previsto, cun investimento público-privado de 186 millóns de euros.
Os efectos da Estratexia galega de impulso á biotecnoloxía comezan a reflectirse nos indicadores do sector a nivel estatal, que sitúan a Galicia na terceira posición en número de empresas biotecnolóxicas creadas (Informe Asebio 2018), na segunda posición en canto a incremento do gasto interno en biotecnoloxía (cun crecemento 2014-2017 do 30% superando o 17% de media nacional) e un incremento do 22% no persoal empregado neste sector, superando claramente a outras comunidades como Madrid ou Cataluña (Enquisa INE).
A INCUBADORA BIOINCUBATECH
Por outra banda, Gain destaca a autorización levada a cabo polo Consello da Xunta de Galicia para a subscrición de varios convenios de colaboración para cofinanciar Bioincubatech, a incubadora de alta tecnoloxía para o fomento da innovación e a transferencia da biotecnoloxía nos ámbitos da saúde e das tecnoloxías alimentarias ás micropemes.
Aprobada pola Fundación Incyde e cofinanciada polo programa FEDER 2014-2020, esta iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, Uninova e Gain , permitirá a incubación de 40 empresas e a prestación de servizos avanzados, poñendo a disposición das empresas equipamentos de investigación e desenvolvemento punteiros.