Setenta e nove proxectos de I+D de Galicia foron aprobados, de forma provisional, na convocatoria do programa Feder-Innterconecta correspondente a este ano, cuxo obxectivo foi impulsar o avance tecnolóxico e industrial desta rexión a través de proxectos de alto nivel tecnolóxico, alto valor engadido e que estimulen a creación de emprego cualificado.
Nas 79 iniciativas seleccionadas participan 292 empresas, das cales 103 son pemes (69%), e 281 grupos de investigación que colaboran en réxime de subcontratación. Todos estes proxectos caracterízanse por seren estratéxicos, de gran dimensión e ter proxección económica e comercial máis aló das nosas fronteiras.
Feder-Innterconecta outorga axudas en forma de subvencións cofinanciadas con Fondo Tecnolóxico, unha partida especial dos fondos Feder da Unión Europea dedicada á promoción do I+D+i empresarial en España. No caso de Galicia, son xestionadas polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) en colaboración coa Axencia Galega de Innovación.
O orzamento total dos 79 proxectos seleccionados ascende a 152,8 millóns de euros, dos cales este programa destinará 74,3 millóns de euros para esta convocatoria.
Colaboración público-privada
Este programa promove a colaboración entre as distintas administracións, o sector produtivo e os axentes de I+D+i. En consecuencia, cada grupo beneficiario deste programa de colaboración público-privada debe estar constituído por un mínimo de tres empresas de distinto tamaño e ha de ter a participación significativa de organismos de investigación “un mínimo do 15% do orzamento elixible”.
A esta convocatoria presentáronse 119 propostas de proxectos de I+D nas que participaron 524 empresas e 297 organismos de investigación. Iso pon de manifesto a crecente importancia que ten a innovación para Galicia, considerada como ferramenta estratéxica por todos os axentes que integran o I+D+i nesta comunidade.
O orzamento subcontratado aos grupos de investigación participantes ascende a aproximadamente ao 22% do total do orzamento.
Áreas tecnolóxicas
Atendendo a unha distribución por áreas tecnolóxicas, hai que destacar 23 iniciativas correspondentes aos sectores industriais, fundamentalmente materiais, vehículos de transporte e bens de equipo; 15 do ámbito das tecnoloxías da información e comunicacións, 9 dos sectores de agroalimentación, agricultura e pesca e 8 iniciativas de medioambiente e eco-innovación. Estas áreas tecnolóxicas supoñen o 67% do volume total de compromisos previstos.
[button text=’Ler noticia’ url=’http://www.emprendia.org/noticia.php?id_noticia=4965&id=59&lang=cas’ target=’_blank’]
No Comments - be the first.