A biotecnoloxía galega empeza a captar inversión foránea para desenvolver patentes ou para vendelas á multinacionais.
O intercambio de coñecemento é unha fórmula que sempre funciona e de iso dá fe o case medio centenar de biotecnolóxicas galegas integradas en BIOGA, Cluster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida. Carme Pampín, directora xeral de Galchimia e presidenta de Bioga, destaca a falta de investidores especializados e a burocracia administrativa como maiores obstáculos para que este sector emerxente se consolide.
-A maioría das firmas do sector comezan como spin-off. Que porcentaxe sobrevive e consolídase como empresa?
En Galicia hai empresas que levamos xa máis de 10 ou 12 anos. Hai problemas importantes para buscar financiamento. Non é fácil, porque non todo o mundo coñece o sector da biotecnoloxía, hai poucos investidores especializados e os retornos soen ser a medio e longo prazo. Aínda así, a maioría imos aguantando.
-¿De qué vive unha biotecnolóxica ata que consegue comercializar un produto?
– Moitas das empresas non facturan porque están en fase de desenvolvemento de produto, pero outras están medrando e cumprindo fitos nos seus programas. Depende do modelo de negocio. Se ofreces servizos, como é o noso caso (Galchimia) empezas xa facturando. Se desenvolves produto, tardas máis. Por exemplo Bialactis, que é unha empresa especializada en probióticos, acaba de lanzar o seu primeiro produto despois de dous anos de desenvolvemento. Ata ese momento, vives do diñeiro dos investidores que conseguiras e dos fondos de investigación. O normal é que sexa un mix de financiamento privado e público.
-Zeltia di que por fin se abriu a porta para a captación de fondos estranxeiros especializados, nótano vostedes?
-É certo que cada vez búscase máis financiamento fora e algúns socios de Bioga teñen xa inversión estranxeira, pero non é fácil. Non é o mesmo Zeltia que unha spin-off. Ademais, a marca España non axuda moito, máis ben é un lastre. España non se asocia á tecnoloxía nin a investigación.
-Hai patentes galegas que acaban en mans de empresas estranxeiras por falta de financiamento para desenvolvelas?
-Iso sería unha boa noticia. Cando un licenza unha patente xa é un éxito, aínda que o desenvolva outro. Pero ter unha patente non che garante explotala. Ata que chegue ao mercado hai moita inversión, tempo e recursos que dedicar.
-En Galicia dominan as empresas dedicadas á saúde, Por que, co difícil que é sacar un medicamento ao mercado?
-Non é tanto un problema de permisos como de diñeiro. É raro que unha empresa soa faga todo o desenvolvemento do produto. Pharmamar é unha excepción. O normal é que unha biotecnolóxica desenvolve o produto ata unha fase determinada, e despois o licencie ou o continúe unha farmacéutica que ten a capacidade para levar o produto ao mercado.
-E iso acontece en Galicia? Hai multinacionais interesadas?
-Hai empresas con produtos moi avanzados que están cerrando acordos con multinacionais. Pero son procesos confidenciais.
No Comments - be the first.