O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) acolleu hoxe a presentación da nova convocatoria do programa FEDER-Innterconecta 2015, unha iniciativa de raizame europea e participada polo Goberno galego para financiar proxectos innovadores a través da cooperación entre empresas e centros tecnolóxicos e cuxo orzamento para as entidades galegas, este ano, é de 110 millóns de euros en formato de subvención. A xornada foi inaugurada polo Conselleiro de Economía, Francisco Conde, que comezou salientando a razón de ser de Innterconecta e da participación activa do Goberno autonómico: contribuír a facer da innovación un hábito nas nosas empresas.
Asemade, fixo un percorrido polas diferentes edicións do programa (dende 2011) destacando que os resultados “non podían ser mellores”. E engadiu: “Nas diferentes convocatorias acadamos a cifra de máis de 400 empresas galegas concorrendo nelas”.
Ao seu xuízo, o principal valor de todo este esforzo é sen lugar a dúbidas “un intanxíbel”. Este, sinalou, non é outro que a cooperación: a cooperación entre múltiples frontes e trazando pontes entre o público e o privado, entre centros tecnolóxicos e empresas, entre empresas e empresas, entre sectores, entre administracións e administracións.
Segundo engadiu, Innterconecta é “unha oportunidade para consolidar o liderado innovador das empresas galegas”. Para isto, dixo, contarase co apoio do Estado, a través do CDTI (Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial), favorecendo proxectos innovadores nos que colaboren empresas de varias Comunidades Autónomas.
Empresas socias de Bioga están interesadas no programa Innterconecta, se desexa coñecelas e os seus proxectos, envie un email a info@bioga.org ou chame ao 881 120 459 solicitando a información.
Noticias relacionadas:
INNTERCONECTA 2015 MOBILIZA 110 MILLÓNS PARA IMPULSAR A INNOVACIÓN DAS NOSAS EMPRESAS