Un artigo do grupo de investigación do CIQUS, liderado pola profesora Concepción González-Bello foi seleccionado como portada do último número da revista ACS Chemical Biology. Este traballo (ACS Chem. Biol. 2013, 8, 568–577) describe as claves para “matar de fame” unha enzima crucial na proliferación de 2 bacterias patóxenas moi importantes: Mycobacterium tuberculosis, causante da tuberculose, e Helicobacter pylori, o axente causante da úlcera gástrica e duodenal ( e promotor do cancro de estómago).
A prevalencia da tuberculose e de infeccións con Helicobacter pylori, xunto ao crecente problema da resistencia aos antibióticos, provocan un gran interese, académico e da industria farmacéutica, en desenvolver estratexias máis eficaces para combater as infeccións bacterianas.
Este grupo de investigación do CIQUS ideou unha forma de “enganar” a estas bacterias, consistente en evitar o normal funcionamento dunha das enzimas que necesitan para sobrevivir. Para iso, deseñáronse compostos moi parecidos aos que a bacteria utiliza habitualmente, pero evitando con iso que esta funcione con normalidade. Este método impide a produción de nutrientes esenciais para a vida da bacteria, que finalmente “morre de fame”. Unha gran vantaxe de este “engano” reside en que os animais non posúen dita enzima, polo que os investigadores esperan que estes compostos non teñan efectos prexudiciais no ser humano.
Para o deseño dos compostos, o grupo da Profesora González Bello utiliza diversos programas informáticos que lle permiten prever de antemán o efecto dos mesmos sobre a enzima. Isto facilita escoller aqueles compostos que a priori serían os máis efectivos, para a continuación preparalos no laboratorio e finalmente ensaialos ca enzima.
O grupo de investigación logrou ademais obter datos reais do proceso grazas á resolución, mediante técnicas de raios X, das diversas estruturas interaccionando ca enzima, o que ven a ser unha fotografía de ambos a nivel atómico. Isto permitiu demostrar a idea inicial e continuar así co proceso de optimización de ditos compostos.
[button text=’Ver noticia orixinal’ url=’http://www.campusvida.info/es-noticia-investigadores-del-ciqus-publican-claves-para-matar-de-hambre-a-bacterias-que-causan-tuberculosis-y-cancer-de-estomago/’ target=’_blank’]
No Comments - be the first.