A feira especializada en biotecnoloxía e bioindustria Biospain 2014, que se celebrou a semana pasada en San Lázaro (Santiago de Compostela), deu maior visibilidade aos proxectos para eses sectores das empresas e institucións de Santiago que participaron. Realizaron numerosos contactos, recibiron visitas, explicaron a súa actividade, trataron con altos executivos de multinacionais e chegaron a principios de acordo para colaborar, que confían cerrar con resultados a partir desta semana.
Explícano así Carme Pampín, presidenta do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga); Carlos Diéguez, director científico do Centro de Investigación Médica da USC (Cimus), e Mabel Loza, unha das líderes do proxecto Innopharma para producción de novos medicamentos.
«Biospain trouxonos moita vida, incluso posibilidades de colaboración a curto prazo, que era algo que non esperábamos e que confiamos confirmar. Nunca vin en España nin en Europa un acontecemento así no ámbito da biotecnoloxía. Estiven fai pouco na de San Diego (Estados Unidos) e esta feira de Santiago non tivo nada que envidiarlle», indica Mabel Loza. Innopharma reuniu dous días antes nun taller de traballo a «moitos dos principais protagonistas no entorno internacional os próximos anos» relacionados coa súa actividade «son persoas que toman decisións en Europa e Estados Unidos, e esperamos aproveitar sinerxias», indica Mabel Loza.
Carlos Diéguez explica que no Cimus recibiron numerosas visitas: «Foi unha oportunidade impresionante que aproveitamos bastante ben e que favoreceu dar visibilidade ao que facemos en Santiago no sector biotecnolóxico e farmacéutico. Coñecemos novos representantes, importantes, de empresas e institucións, e outros con quen xa tíñamos contacto puideron coñecer as nosas instalacións e traballo», indica Carlos Diéguez.
Carme Pampín destaca que «houbo moita actividade en paralelo; o formato promovía pechar moitas reunións previas á feira, e incorporamos tamén novas empresas no clúster galego, agora penso que xa agrupamos a todo o sector empresarial tecnolóxico galego. Biospain foi importante para dar visibilidade e internacionalizar a nosa actividade».
«Houbo moita actividade en paralelo e incorporamos tamén novas empresas no clúster galego»
Carme Pampín
No Comments - be the first.