Ofrece unha enorme gama de servizos analíticos especializados para os sectores textil, agroalimentario, veterinario e farmacéutico. Comezou con 3 empregados, hoxe traballan 60 profesionais, e xa está expandíndose fóra de España. Un exemplo: Xenotechs, integrada no grupo, desenvolveu unha técnica que detecta ata 12 especies animais que poden introducirse fraudulentamente en produtos cárnicos.
Foron dous químicos da Universidade de Santiago de Compostela os que a crearon en 2008, especializándose no uso da espectrometría de masas: unha tecnoloxía avanzada que permite realizar diferentes tipos de análises. O xerente da compañía, Manuel Lolo, explica que permite identificar compostos descoñecidos e cuantificar compostos coñecidos. “A súa principal vantaxe radica en que, con cantidades moi pequenas, obtense información de interese, cunha precisión moi elevada e con gran rapidez”.
Especies pesqueiras e cárnicas
Dende este laboratorio de Lugo detectan alteracións en produtos lácteos e a presenza de organismos modificados xenéticamente. De feito, un dos sectores que máis se pode beneficiar dos servizos de AMSlab é o agroalimentario: tanto na análise nutricional como na detección de posibles residuos e contaminantes como pesticidas, medicamentos, toxinas ou metais pesados. O grupo viu reforzada esta liña de traballo coa incorporación da firma Xenotechs, pioneira no desenvolvemento de ferramentas baseadas no estudo do ADN e aplicables á trazabilidade e autenticidade de produtos pesqueiros e acuícolas. Poden identificar especies con independencia do formato comercial e do tratamento de transformación aplicado, o que resulta de gran utilidade para verificar o correcto etiquetado.
Unha das grandes especialidades de AMSlab é a verificación de fraude comercial en produtos alimenticios. Conta con moita experiencia na detección de especies animais a través do estudo do ADN dos ingredientes cárnicos presentes nos alimentos. Nesta liña, dispoñen dunha técnica que detecta e cuantifica a presenza de ADN de cabalo.Ademais, poden verificar a presenza de bo número doutras especies animais. Así,colaboran con empresas industriais e da gran distribución comercial no descubrimento de fraudes habituais como son a introdución de carne de porco en produtos de vacún ou a presenza non declarada de polo en produtos de pavo. A súa técnica permite detectar ata 12 especies animais que poden ser introducidas accidental ou fraudulentamente en produtos cárnicos: vaca, cabalo, porco, pollo, pavo, ovella, cabra, coello, gato, can e dúas especies diferentes de pato.
Ensaios para detectar a solidez das tinturas
No sector textil permite á industria realizar un exhaustivo control de calidade, dende a materia prima ata a peza final. Isto inclúe ensaios químicos para detectar sustancias nocivas ou perigosas nos tecidos, determinar a composición real das fibras ou a composición de mestura de fibras animais, coñecer o correcto etiquetado, analizar a estrutura dos tecidos ou corroborar a estabilidade dimensional de tecidos e pezas. Tamén poden facer ensaios específicos para pel e coiro, ademais de probas destinadas a probar a seguridade das pezas infantís (cordeis e cordas, pezas pequenas). Identifican fibras mediante a análise de proteínas.
Crecemento fóra de España
A firma, que ten a súa sé central en Lugo, no Polígono Industrial de O Ceao, xa conta con estrutura comercial en Portugal (Braga e Gimarães), Italia (Milán) e Marrocos; e con clientes en toda Europa. Nos primeiros anos foi fundamental o apoio de Unirisco,sociedade de capital risco participada polas tres universidades galegas, grupos empresariais (Inditex, R, Construtora San José e Consorcio da Zona Franca de Vigo) e entidades financeiras (Abanca, Banco Pastor e Banco Portugués de Investimento). Unirisco pechou o ciclo investidor trala súa participación durante 7 anos no capital de AMSlab, achegando, ademais de cartos, o seu know-how no ámbito da xestión.
No Comments - be the first.