A súa orixe universitaria exerce algún efecto sobre os resultados empresariais das spin-offs universitarias españolas?
Esta cuestión é o punto de partida da tese de María Jesús Rodríguez Gulías quen conclúe que a orixe universitaria dunha compañía, en xeral, non exerce un efecto rotundo sobre a súa supervivencia. Precisa a investigadora que o carácter de spin-off universitaria ten un “efecto positivo sobre o crecemento empresarial, tanto en termos de vendas netas como de emprego, así como sobre a actividade de innovación aproximada mediante as patentes”.
Os resultados da tese de Rodríguez Gulías, baixo a dirección da profesora Sara Fernández e do profesor David Rodeiro do grupo de investigación Valoración Financeira Aplicada, recomendan apoiar a creación e desenvolvemento das spin-off universitarias xa que “contribúen ao desenvolvemento económico e social da súa contorna mediante a creación de riqueza e de emprego e dinamizando a innovación”. Segundo este traballo de investigación, estas fórmulas empresariais atopan maiores dificultades que outras empresas para sobrevivir.
Dado que os determinantes do resultado empresarial non sempre coinciden ao comparar spin-offs e empresas non xurdidas da investigación académica, a autora desta liña de investigación recomenda a definición de políticas e actuacións deseñadas especificamente para as spin-off universitarias. Neste senso, en base á observación das variables que resultan significativas para o conxunto das spin-off universitarias, “suscítanse unha serie de medidas desexables” e que Rodríguez Gulías concreta na posta a disposición de espazos de incubación en condicións vantaxosas ou no fomento da incorporación de xestores profesionais a estas compañías, entre outros.
Co título ‘El origen universitario como determinante del resultado empresarial de las spin-offs españolas: análisis de su supervivencia, crecimiento e innovación’, a tese obtivo a máxima cualificación, sobresaliente cum laude, outorgada por un tribunal que presidiu Arturo Rodríguez Castellanos (Universidade do País Vasco) e que integraban Alfonso Rodríguez Sandiás (USC), Loreto Fernández (USC), Nuria Begoña Calvo Babío (Universidade da Coruña) e Alberto Vaquero García (Universidade de Vigo).
No Comments - be the first.