
O sector biotecnolóxico da Galiza é aínda un gran descoñecido para boa parte da poboación. A encarga da fabricación dunha vacina para a Covid-19 ao grupo Zendal, con sede no Porriño, puxo de manifesto o enorme potencial da rexión nesta materia, na que empeza a emerxer como un territorio punteiro.
O grupo Zendal, con sede no Porriño é un dos xigantes do sector biotecnolóxico galego, mais até que transcendeu a nova de que sería a encargada da produción industrial do antíxeno da vacina para a Covid-19 de Novavax na Unión Europea era unha gran descoñecida para a maioría da poboación. E é que moita xente na Galiza non ten idea o potencial dun ecosistema de 108 empresas que move preto de 400 millóns de euros de facturación (380 segundo as contas consolidadas de 2018) e leva medrando arredor de 10% anual desde 2016, tanto en emprego, como en facturación como en creación de empresas.
Como explica a Nós Diario Julio Martínez, xestor de proxectos do Clúster Tecnolóxico e Empresarial das Ciencias da Vida da Galiza (Bioga), “as previsións de 15% de crecemento en empresas, 20% en facturación e 25% en empleo contempladas na Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía xa se cumpriron antes de chegar a final de 2020″. Na actualidade o clúster e a Xunta de Galicia están a traballar na Estratexia de Consolidación do sector para o período 2021-2025, no que a introdución de conceptos como o da economía circular será unha das novidades.
O obxectivo nos vindeiros anos consistirá, pois, dotar de maior dimensión as actuais empresas, moitas delas micropemes, e aproveitar as potencialidades en sectores como os da produción agrícola, forestal e mariña. “A biotecnoloxía pode ser ademais transversal e útil para que empresas tradicionais poidan innovar nos seus produtos”, apuntan dende Bioga.
Máis firmas e maiores
Proba do dinamismo deste sector é que Galiza foi, xunto con Euskadi, o segundo territorio do Estado español onde máis empresas biotecnolóxicas se crearon o pasado ano. “En canto a facturación e emprego non estamos aínda ao nivel de cataláns e vascos, pero pouco a pouco imos conseguíndoo”, recoñece o xestor de proxectos do clúster.
Zendal e Lonza son os dous xigantes biotecnolóxicos no país. Por detrás deles están empresas medianas como Nanogap, GalChimia ou AMSLab, entre outras, que nos próximos anos “irán tirando do sector”.
Mais tamén hai empresas dentro do clúster que están a achegar solucións para cuestións relacionadas co virus. Unha delas e o Instituto de Estudos Celulares e Moleculares (ICM), situado no polígono lugués das Gándaras, que ideou unha solución técnica para detectar a Covid-19 a partir da saliva que se pode facer na casa. Ademais, ese mesmo test podería identificar outros virus como o da gripe e aclarar así as posíbeis dúbidas dunha sintomatoloxía.
Glecex, unha empresa con sede en Ourense, está a punto de lanzar ao mercado produtos cosméticos con compoñentes antivirais que actúan como inhibidores do virus. En Vigo, a firma Creativigo desenvolveu unha cámara termográfica que permite o control de acceso a lugares públicos ou privados con monotorización de temperatura a través dunha identificación dixital con recoñecemento facial.
Innovación no rural
O bo da biotecnoloxía é que estas empresas poden xurdir en calquera lugar. Na Costa da Morte, a firma Gerifarma vén de lanzar ao mercado unha máscara de protección especialmente deseñada para crianzas e que tamén se comercializa para adultos, fabricada con tecidos vexetais e compostábeis, co que elimina o problema da súa xestión como residuo.
En Melide, Galacteum é unha referencia na innovación no sector lácteo, e moi vencellada ao mundo rural está tamén Intechterm, unha firma capaz de predicir enfermidades no gando con intelixencia artificial.
Estes son solo algúns exemplos das múltiples innovacións que se están a levar a cabo na Galiza, onde a colaboración entre centros de investigación e empresas é cada vez maior.
Pablo Barro, Nos Diario, 18 de setembro de 2020
Noticias Relacionadas
Cómo vigilar la temperatura en las aulas en plena pandemia
Una crema elaborada en Ourense, aliada para prevenir los contagios