-
Unha delegación galega, formada por máis de 70 persoas dunha trintena de entidades da I+G+i, participa neste evento internacional.
-
A directora da Axencia Galega de Innovación intervén nunha mesa redonda sobre modelos de gobernanza e instrumentos para o impulso da transferencia
Madrid, 29 de xaneiro de 2026
A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participou hoxe nunha mesa redonda sobre modelos de gobernanza e instrumentos para o impulso da transferencia de coñecemento no marco da feira internacional Science for Industry (S4i), en Madrid, xunto a membros do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e das comunidades autónomas de Extremadura e Navarra.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e interveu no debat sobre instrumentos de impulso á transferencia de coñecemento polo carácter pioneiro de Galicia na implantación de ferramentas que achegan á ciencia ao mercado como o programa Ignicia Transferencia de Coñecemento. Esta intervención forma parte da presenza galega neste evento, que nesta edición afonda na ciencia profunda e as tecnoloxías disruptivas.
Carmen Cotelo destacou positivamente que se siga este enfoque participativo no deseño da nova estratexia estatal de ciencia, tecnoloxía e innovación, pero solicitou que se teña en conta o punto de vista das comunidades autónomas na definición dos retos para reflectir mellor as súas capacidades e se incorpore unha orientación tecnolóxica complementaria para aliñar mellor o marco estatal ás estratexias das autonomías.
Expositor propio da Xunta
A delegación galega, representada no stand institucional da Xunta de Galicia, é a máis ampla das que participaron ata agora nun evento destas características. Integrada por máis de 70 persoas dunha trintena de entidades do ecosistema de I+G+i, entre universidades, centros tecnolóxicos, clústeres, fundacións, entidades de capital risco, aceleradoras, start-ups e administración, busca explorar novas oportunidades de negocio e favorecer a transferencia ao mercado dos proxectos de investigación orientados á industria desenvolvidos polos profesionais galegos da I+D+i.
Ademais, aproveitouse o encontro para presentar ante investidores as spin-offs galegas TraffikGene e Albor Biotech, lideradas polos investigadores Oportunius Javier Montenegro e Rubén Nogueiras.
A participación neste evento está enmarcada no programa Ignicia, impulsado pola Xunta de Galicia, cuxo obxectivo é promover a transferencia dos resultados da I+G+i xerados nos centros de coñecemento galegos cara ao tecido produtivo. Desde a súa primeira convocatoria, leva apoiados un total de 41 proxectos de universidades, centros de investigación, fundacións de investigación sanitaria e centros tecnolóxicos, dos que 14 xa chegaron ao mercado.
Entidades participantes
Da man da Axencia Galega de Innovación, participan no stand institucional as Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, os centros da Rede CIGUS CiQUS, CiMUS, CINBIO, CITIC, CiTIUS e CRETUS e o centro colaborativo CINTECX; a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) xunto coa Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS), a Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur (II Galicia Sur) e a Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica INIBIC (FINIBIC); o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC Galicia) e os seus centros de investigación Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC) e Instituto de Investigacións Mariñas (IMM-CSIC); a Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA) e os centros tecnolóxicos Gradiant, CTAG e CETIM; a Fundación CETMAR e a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne; o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (Bioga), o Clúster Saúde de Galicia (CSG), o Clúster TIC Galicia e o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec); ademais de entidades de apoio á innovación como a Fundación Empresa Universidad Gallega (FEUGA), entidades de capital risco como UNIRISCO, a aceleradora BFAero xunto ás empresas H2DRONENERGY, C5Eurosafe e SLIMOP, e as start-ups TraffikGene, Albor Biotech, Nsilica, Serenia Solutions, Xanelum, Labregando, Himikode Tech SL e Traza Circular.
Sobre o evento
Science for Industry (S4i) celebra este ano a súa cuarta edición e consolídase como un evento internacional líder que acelera a transferencia de tecnoloxía e a innovación a través da ciencia de fronteira. Con máis de 3.000 asistentes de 30 países, máis de 300 empresas, 150 start-ups e ao redor de 1.300 patentes, esta feira ten como obxectivo transformar a ciencia de vangarda en impacto social real. Así mesmo, este encontro favorece conexións estratéxicas entre a investigación de primeiro nivel, a industria e o capital necesario para converter os avances en solucións listas para o mercado.
Nota de prensa extraída de la web de Xunta de Galicia: https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/020896/xunta-expon-seu-modelo-transferencia-conecemento-feira-internacional-science
