Santiago de Compostela, 9 de abril de 2025 – A Xunta de Galicia deu a benvida á nova promoción do programa de Doutoramentos Industriais, unha iniciativa estratéxica que busca estreitar a colaboración entre o ámbito académico e o tecido produtivo galego. Nesta cuarta edición (2024-2028), un total de 61 investigadores desenvolverán a súa tese doutoral en empresas e centros tecnolóxicos da comunidade, consolidando un modelo de innovación baseado na transferencia de coñecemento.

O programa, que leva mobilizados preto de 8 millóns de euros, contou desde os seus inicios coa participación de 45 empresas e 7 centros de I+D+i. Nesta nova convocatoria incorporáronse 15 novos doutorandos: 12 contratados directamente por empresas e 3 por centros tecnolóxicos. As principais áreas de investigación abranguen as ciencias, a enxeñaría e a arquitectura, e a saúde.

Cómpre salientar que unha parte significativa destes doutoramentos desenvólvese no sector biotecnolóxico, coa participación destacada de empresas socias de BIOGA como Linknovate Science, Flowreserve Labs, Biopranaworld, NANOGAP, Nasasbiotech, entre outras. Esta implicación reflicte o peso crecente da biotecnoloxía no sistema galego de I+D+i e o seu papel como motor de innovación empresarial.

A procedencia universitaria do alumnado investigador reparte-se principalmente entre as tres universidades galegas: o 59% procede da Universidade de Santiago de Compostela, o 24,6% da Universidade de Vigo e o 16,4% da Universidade da Coruña. Ademais de cubrir os custos de contratación, o programa financia os gastos derivados do proxecto nas entidades participantes e ofrece apoio para a realización de estadías de tres meses en centros internacionais.

Desde BIOGA celebramos o compromiso da Xunta de Galicia con este programa, que non só impulsa o desenvolvemento do talento investigador en contornas reais de empresa, senón que tamén reforza a competitividade e proxección internacional do ecosistema biotecnolóxico galego.

Noticia completa aquí.