USC

  • Nome USC
  • Categoría Investigación

Cun orzamento anual de I+D superior aos 100M €, a Universidade de Santiago de Compostela conta na actualidade con cerca de 3.000 investigadores e a súa investigación abarca un gran abanico de áreas que van desde a Saúde e Ciencias da Vida, aos Recursos Mariños, pasando por Disciplinas Técnicas, Humanidades, e Ciencias Sociais e Xurídicas. A USC ocupou no ano 2010 a 7ª posición entre as Universidades españolas en canto a número de publicacións científicas.

O valor desta inversión en investigación na USC está contrastado con indicadores de produtividade e calidade. Entre eles pódense citar os máis de 200 novos investigadores formados cada ano ou o feito de que o 45% dos artigos científicos publicados nos casos de Ciencias da Saúde, Ciencias Experimentais e Enxeñerías correspondan a publicacións JCR (Journal Citation Reports) do primeiro cuartil. Tamén está contrastada con datos a dimensión internacional desta ciencia, que capta máis do 20% dos seus proxectos competitivos en convocatorias internacionais e xera un 45% de publicacións en colaboración con investigadores de outros países. A nivel autonómico, a USC é a día de hoxe unha das principais fontes de produción científica en Galicia, captando máis do 50% dos proxectos competitivos de I+D na nosa comunidade e participando en case o 60% da produción científica do Sistema Universitario Galego.

A Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) é responsable da transferencia dos resultados de investigación xerados na USC á sociedade. A través da protección e maduración dos resultados de investigación xerados nos seus laboratorios perséguese a súa incorporación ao mercado, xa sexa a través de licencias a empresas xa existentes ou a través da creación de novas empresas de base tecnolóxica ou spin-offs. Na actualidade, conta cunha carteira de 250 solicitudes de patente (23-30 solicitudes por ano), e máis de 170 patentes concedidas en España e outros países, das cales máis dun 10% foron transferidas a empresas a través da formalización de acordos de licencia. Estes resultados colocan a Universidade de Santiago de Compostela como a 5ª-9ª mellor valorada entre as universidades españolas en termos de resultados de transferencia de tecnoloxía. A USC é pioneira en asumir un papel activo no apoio ao emprendedor, contando cunha incubadora de empresas, unha sociedade de capital risco impulsada pola propia universidade e diversos programas de apoio ás spin-off.

Recentemente, o AVTE lanzou ademais o programa ” Acelerador de Transferencia” enfocado a cubrir o gap, non só de financiamento senón tamén de atención, que existe entre a finalización de un traballo de investigación e o interese da empresa en investir no seu desenvolvemento. O ” Acelerador de Transferencia” posibilitou unha inversión de máis de 300.000€ no período 2012-2013 en 12 proxectos de proba de concepto para a maduración de resultados de investigación xerados na USC.

www.usc.es